Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer vitae adipiscing elit. Aenean commodo ligula eget ut, dolor. Aenean massa. Cum sociis pretium qui asem. Nulla consequat massa quis.

Popular Post

Sign up for newsletter
[contact-form-7 404 "Not Found"]
Chévere teatro.

Chévere, a porta que Conde Roa non puido pechar

Historia da Chévere, célebre compañía de creación colectiva, divertida e transgresora contada de atrás a diante.

Texto: Carlos G. Meixide
Fotografía: Pablo Santiago

A porta da NASA. Cristina Iglesias é a protagonista do último espectáculo da Compañía Chévere, Eroski Paraíso, onde fai da filla dos personaxes interpretados por Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo. O seu caso é curioso pois é a primeira actriz que traballa para Chévere que aínda non tiña nacido cando a compañía daba os seus primeiros pasos, hai agora trinta anos.

Cristina ten apenas 24, pero é consciente da importancia dos seus compañeiros. “Os profesores da ESAD falábannos seguido de Chévere, iamos aos seus espectáculos…”. Por iso se apuntou a un dos obradoiros que convocaron na sede da compañía, na Ramallosa (Teo). Aquilo era en realidade un casting encuberto, e pasouno. “De repente, vin traballar con aqueles actorazos, e ao primeiro sentinme súper nerviosa”, confesa, “pero axiña me vin tratada como unha máis”.

Eroski Paraíso foi un éxito de público e crítica en Galiza e no estranxeiro. Durante os meses de xira, Cris tivo ocasión de saber dos 30 anos de historia de Chévere nas conversas cos seus compañeiros ou con todos aqueles fans que acudían aos camerinos para lles agradecer o seu traballo. De todos modos, un obxecto fíxolle entender mellor que calquera persoa a relevancia histórica da compañía compostelá. “Cada vez que iamos ensaiar á Ramallosa, non podía deixar de mirar para a mítica porta da Sala NASA que teñen alí gardada. Hai tanta historia nesa porta!”.

O adeus á NASA

Cristina, a quen non lle chegaron os anos para coñecer a sala NASA, refírese á porta antiincendios que, ao longo de dúas décadas, se foi enchendo dos adhesivos e graffitis de todas as compañías e bandas de música que por alí pasaron. “Decidimos levala de recordo o último día”, conta Patricia de Lorenzo. “A saída física da NASA foi un momento súper amargo. Hai que ter en conta que ao final quedamos só catro gatos para recoller toda aquela ‘merda’ que representaba tanta historia e tanto esforzo”.

Pechábase un ciclo que marcara profundamente a vida dos seus protagonistas, e facíao lixado por un triste episodio: un conflito laboral logo da denuncia dun empregado contra a sala por despido improcedente.

“Supoño que cando algo se desmantela, aparece a parte máis sobrevivinte de cada un”, reflexiona Miguel de Lira, “de todos modos, é certo que nunca chegamos a entender ben a diferenza entre amigos e traballadores”. Pola súa parte, Patricia de Lorenzo recorda con pesar: “De repente, a xente víanos como os empresarios cabróns, e a eles como os traballadores marabillosos, e iso obrigounos a asumir responsabilidades. O noso traballo tamén consistía niso”.

Conde Roa

Foi o último episodio dun ano turbio marcado pola cruzada ideolóxica de Conde Roa contra a Sala NASA. “Que aquel tipo gañara a maioría absoluta por tan poucos votos sentino como unha decepción a nivel persoal”, conta Miguel de Lira; “a fin de contas, propuña un modelo de cidade moi determinado que apuntaba contra nós, e a xente votouno”.

A inquina do alcalde provocou, malia todo, unha adhesión social á Sala e a Chévere que aínda hoxe perdura, e cuxo símbolo foi a Ultranoite dun soño de Verán, que xuntou 1.000 persoas entusiastas na Praza da Quintana en agosto de 2011. A NASA era considerada por moita xente un patrimonio colectivo da sociedade compostelá, o emblema dun modelo de cidade alternativo; e Chévere vivía un momento creativo brillante após a estrea de Citizen, a súa obra monumental sobre a figura de Amancio Ortega.

Teo

O peche da NASA e a mudanza a Teo como compañía residente, supuña paradoxalmente unha liberación. Sen o “lastre” da NASA, Chévere podíase centrar dende entón no traballo teatral. Estréase Eurozone, que prolonga o éxito de Citizen e dá o pelotazo en Madrid; e en 2014, chega o máximo recoñecemento estatal: o Premio Nacional de Teatro, no tempo en que Conde Roa é imputado por tráfico de influencias e malversación.

Culmina felizmente unha xeira marcada no profesional polo teatro de cariz documental e vontade social, coa dirección escénica de Xesús Ron, os textos de Manolo Cortés, e o desbordante traballo interpretativo de Patricia de Lorenzo.

O comezo dun ciclo

Aquel ciclo comezara, no entanto, unha década atrás, nun tempo complicado. A compañía viña de vivir unha dolorosa escisión, e a realidade impúñase con toda a crueza a partir do accidente do Prestige. Non queda demasiado tempo para encerrarse na Sala a ensaiar. As cousas están a acontecer na rúa.

Nese contexto “estreamos unha obra de teatro que foi un absoluto fracaso”, conta Xesús Ron. Chamábase Radio Universo, e malia ser presentada nunha feira de teatro, non chegou á estrea. “Faltaba produción, faltaba traballo… Aínda hoxe os programadores nola recordan!”.

Aquela debacle de 2004 foi o detonante para reformular a compañía no seu sentido actual. “Así non podiamos seguir”. Había que tomar en serio cada espectáculo, formarse en todos os sentidos, procurar linguaxes novas… E chegou Testosterona.

A escisión

Pechábase, con todo, unha época inesquecible, marcada pola enerxía desbordante dunha xeración variopinta que xuntou os seus talentos literarios, musicais, interpretativos…, a prol dunha experiencia única de creación colectiva, divertida, transgresora e comprometida. A liña de separación entre unha época e a outra semella clara.

“Para min, na historia de Chévere as cousas suceden antes ou despois da Expo de Lisboa en 1998”, explica Miguel de Lira. “Chévere acudira alí cunha coprodución espectacular coa compañía portuguesa Trigo Limpo de Tondela, Portugal: Valle Inclán Pirata, un barco que dende Galiza baixaba polo litoral portugués, atracando en cada porto para ofrecer un espectáculo singular”.

A conexión coa lusofonía afianzárase nos últimos anos grazas ao proxecto Portugaliza, e á parcería coa compañía de Tondela. Actuaron no Brasil, Azores ou Mozambique… Mais naquel verán de 1998, o que debía ser unha feliz singradura pola costa portuguesa a piques estivo de rematar en naufraxio por mor dunhas inesperadas correntes de fondo.

Desencontros que viñan de atrás irromperon finalmente ata provocar unha separación se cadra inevitable. A parte musical —Fran Pérez, Pepe Sendón, Carlos Santiago…— reivindicaba o seu propio camiño, ata entón freado pola absorbente actividade teatral e polo día a día da propia sala NASA.

Os anos dourados

A chegada daqueles músicos a principios dos 90 deu comezo á idade dourada dos Chévere. Logo dos primeiros espectáculos de rúa nas orixes da compañía, nomeadamente Supersonic, o mal non acouga, inicíabase un tempo de creatividade desbordante, transdisciplinar, marcado pola creación colectiva e o atrevemento.

“Gustábanos máis o audiovisual do que o propio teatro”, confesa Miguel de Lira. “Non existían fronteiras claras entre os formatos. Xogabamos os xéneros ata o final: o western, a ciencia ficción… A estrutura do musical permitíanos descoidar un bocado a estrutura dramática”, pero era efectivo.

“Os nosos referentes eran, ante todo, Pepe Rubianes e os Monty Phyton”. Chegan Big Bang, Río Bravo… O público adora aqueles espectáculos. “Vidal Bolaño confesoume un día, arrepentido, que acabara falando mal de nós porque a xente non facía máis que abordalo no bar Rhin para lle contar o divertida que era Río Bravo. Recordo que me dixo: ‘Eu ao principio dicía que si, que era divertida, aínda que tiña algúns defectos aquí e alá, pero logo chegábame outro, e outro, e insistían tanto que me fartei e acabei por mandarvos á merda'”.

A chegada á NASA

Cos aforros acumulados neste tempo —mesmo chegan a facer unha produción para o Centro Dramático Galego, Salomé, protagonizada por Blanca Cendán—, acaban mercando o taller en San Lourenzo (Compostela), que logo se converterá na Sala NASA. Comezan as Ultranoites, o cabaré colectivo de actualidade que os composteláns agardan con ansia.

“Daquela o soño de calquera rapaz novo era actuar na NASA. Chévere representaba o teatro que todos queriamos facer”, conta Arantza Villar, quen anos máis tarde entrará a formar parte da compañía. As Ultranoites son o banco de probas para moitos, que logo se incorporan de xeito máis ou menos directo á Troupe Chévere: Manolo Cortés chega dende o mundo da poesía, Patricia de Lorenzo dende o teatro institucional.

Chévere é unha marca que aglutina unha maneira de facer moi diferente ao que se facía en Galiza ata entón. Música, literatura, performance e teatro mestúranse sen que estean claras as fronteiras. “Só na Coruña Ollomol Tranvía facía algo parecido”, recorda Miguel. O espectáculo Annus Horribilis, de 1995, constitúe o punto culminante daquel estilo que seduce o público e a crítica de Galiza e do estranxeiro.

John

O curioso é que todo isto non tería acontecido se en 1987 non lle concedesen un lectorado en Santiago de Compostela a un rapaz inglés, John Eastham, con paixón pola arte de Shakespeare.

“Naquel tempo eu estudaba Dereito e apenas ía ao teatro”, conta Miguel, “só de cando en cando interesábame ver as obras das compañías catalanas máis rompedoras que viñan actuar ao Auditorio do Colexio La Salle: Els Joglars, Tricicle, Els Comediants… Daquela un amigo, Paco Bixou, faloume dun inglés que quería xuntar un grupiño de xente para facer teatro. Quedamos por primeira vez John, Paco, Ramón Bodaño e máis eu nun edificio que hoxe en día é o Arquivo da Universidade, e que era medio okupa naquela altura: un almacén abandonado da Casa Simeón. Ao pouco vimos que na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo buscaban xente para dar cursos de teatro e alá fomos John e mais eu”.

A raíz daquel curso incorpórase máis xente. Preparan unha serie de gags a xeito de slapstick: a partir dun pao de vasoira imaxinan un autobús e cada curva, cada fochanca… isto obrígaos a sincronizar os movementos. “Tratábase de xogar basicamente”, recorda Miguel. “Pero un día chegaron tres homes traxados da Deputación da Coruña dicindo que querían ver o noso espectáculo. Fixémoslle un surtido dos sketches procurando darlle unha certa unidade e contratáronnos tres funcións”.

Así naceu Servizo Discrecional, a primeira obra de Chévere cuxa primeira representación tivo lugar na Praza de Bombeiros, a carón da Escola de Artes e Oficios. Era o nacemento da compañía. “Vímonos obrigados a crear unha sociedade legal para facturar. Dixémoslle á rapaza da xestoría que a nosa actividade eran as representacións teatrais, pero non sei que tiña ela na cabeza aquel día, que cando chegaron os papeis puñan que nos dedicabamos á reparación de tractores. E aí seguimos reparando tractores trinta anos despois”.

Só quedaba procurar un nome. Os fundadores convocan unha tormenta de ideas. John Eastham propón un que semella convencelo por fin: Teatro Amarelo. Faise un pequeno silencio, “pero daquela eu”, conta Miguel, “que viña de estar en Lira cuns venezolanos e tíñaseme pegado a súa forma de falar, dixen entusiasmado: ‘Teatro Amarelo! Que Chévere!'”.

Os mellores anos da nosa vida

“Estamos no mellor momento de Chévere nos últimos 30 anos”, asegura, sen dubidalo, Xesús Ron. “É máis, o momento actual non ten parangón con nada vivido antes en Chévere”. A marcha da NASA e a chegada a Teo como compañía residente supuxo un despegue brutal para a compañía, logo dun tempo no que as propias complexidades da xestión da sala absorbían demasiado tempo e esforzo. “De repente, comezamos a ter milleiros de espectadores, tempo para traballar…”.

Miguel de Lira tamén celebra a mudanza. “A marcha da NASA era traumática, pero naquela altura eu xa adiviñaba que era preciso un cambio de dinámica, así que o vin máis ben como unha oportunidade para reinventarnos, como así foi”.

Patricia concorda: “Chévere neste momento xa testou diferentes cousas, e podemos facer o que queiramos e onde queiramos, e nese sentido somos libres”. Só bota de menos unha cousa: “Fáltanos estrutura. Malia o éxito e o recoñecemento, ás veces vémonos sobrepasados de propostas de traballo e non executamos todo o ben que queremos. De todos modos, aínda hoxe me emociono cada vez que vexo cheo o Auditorio da Ramallosa”.

Chévere non se vende

Malia todos os éxitos, o espírito da NASA consiste en non deixar de procurar o fracaso en cada espectáculo. “Non todo ten que estar arriba, non fai falta. Os fracasos son importantes, e tamén as curas de humildade”, explica Arantza, tentando explicar o espírito das Ultranoites. Ao mesmo tempo, salienta o espírito colectivo da compañía. “Nunca hai ninguén imprescindible. Non fai falta estar todos aí, non hai papeis pequenos e grandes, son todos traballos moi colectivos, tamén nese sentido”.

Para os máis veteranos, non hai fronteira entre o eu e a compañía. “Para min Chévere son eu. Non me interesa o teatro nin a arte nin ser autor de nada. Chévere permitiume ser todo iso de maneira colectiva e compartida. Sacioume totalmente. Non teño un peso, non teño nada, pero Chévere concedeume facer o que me petou. Fixen, con absoluta liberdade, proxectos delirantes, algúns moi grandes, outros moi pequenos”.

Miguel tamén destaca o valor do colectivo como o máis valioso da súa experiencia en Chévere. “E que en ningún momento da historia se pode dicir que nos vendemos”, engade. “Chévere non se vende, iso é algo que se pode dicir. De feito, foi tal vez o que nos uniu durante tantos anos”.

Comenta

Your email address will not be published. Required fields are marked *